Defendendo o indefendible. Un sistema que ten que cambiar.

Imaxinemos un aula de 20 nen@s/profe, (antes de que a administración aumente estas cifras xa de por sí  imprudentes). Imaxinemos que un centro que abre máis horas do que dura a xornada laboral do seu persoal, non conta con 2 persoas por aula a todas horas, (antes de que a administración anterior elimine a parella educativa). Aínda así, imaxinemos que neste instante sí están 2 profes nesa aula: Lupe e Maca. Imaxinemos só unha parte das situacións que se poden dar un día calquera, e obviando moitos detalles para non facer este texto interminable.

Poñamos por caso que agora mesmo, nesta aula de 2-3 anos, están presentes 9 nen@s: felipe, rodrigo, ignacio, luis, nestor, miguel, luisa, mónica e ester. Poñamos que son as 10,10horas.
Felipe xa leva un par de horas na escola, rodrigo chegou canso porque pasou mala noite, ten sono, pero o ambiente o excita tanto, que non atopa o momento de querer tumbarse a durmir. A ignacio costoulle moito despedirse, porque non sempre “leva tan ben” como parece o de separarse de mamá e papá. A nai de Luis comenta ao chegar que o neno estivo algo pachucho, pero que lle dou apiretal e xa está ben. Luis queda chorando, está bastante quente, ten un pouco de fiebre, non os grados que indica a administración cos que tería que marchar para casa (máis de 38ºC); ten 36’9ºC, amortiguados polo apiretal, pero está choroso, todo lle molesta e só quere colo. Nestor está pletórico, leva un bo rato intentando tocar os instrumentos, pero como lupe e maca notan que a luis lle molesta moito tanto ruido, tentan interesalo en xogos máis tranquilos; nestor decide sacarlle as pinturas da man a miguel, que estaba moi concentrado debuxando. Lupe lle di a nestor que pida as cousas e que ademáis hai moitas pinturas na caixiña. Nestor tira as pinturas polo aire e bota a chorar rabioso. Miguel mira incrédulo a nestor, da media volta e empuxa a ignacio, que estaba collendo un conto da estantería. Mentras tanto, luisa e mónica están xogando coa auga do grifo, ríen escandalosamente. Ester está facendo torres e filas cos vasos. Miguel e ignacio acaban conseguindo compartir os contos por sí mesmos. Lupe observa a escena de cerca.

Maca sigue con luis no colo, porque cada vez que intenta deixalo no chan, chora desconsolado e a persigue por toda a clase agotado. Así que, co neno en brazos, revisa que luisa e mónica non mollen demasiado a zona de auga, e  lles lembra de cando en vez que felipe e rodrigo están agardando o seu turno de xogar no grifo.
Lupe aproveita que nestor, miguel e ignacio se interesan por un conto e acaba contándolles varios. Maca consigue que luis tamén sente a escoitar o conto un rato, no colo de Lupe, mentras seca e axuda a vestir a luisa e mónica, momento no que felipe e rodrigo cambian a pelota polo grifo. Ester cansouse das torres, e mentras lupe intervén para que miguel e nestor resolvan pacíficamente outra disputa por un conto, senta a luis ao seu carón. Luis chora. Ester pasa por alí, o mira un instante e sen mediar palabra lle pega un mordisco na perna.

Luisa e mónica xa están secas e vestidas, miran a escena do mordisco con atención. Mónica faise pis por ela.

Con toda a calma interior posible, maca sae da aula con luis e e ester a buscar xeo. Lupe queda en clase axudando a mónica a cambiarse, luisa colabora. Felipe e rodrigo siguen na auga, mirando de reollo ao resto de cando en vez. Mentras, nestor consigue facerse cos instrumentos, e a miguel e a ignacio parécelles unha idea boísima. Os 3 tocan a flauta durante un rato eterno.

Maca queda uns minutos no patio poñéndolle o xeo a luis, dándolle mimos de consuelo, e pedíndolle perdón diante de ester. Ester pregunta por qué chora luis. Horas máis tarde maca dase conta de que ao mellor ester referíase a que por qué luis leva chorando toda a mañán.

Co disgusto, luis alcanza os 38’2ºC. Maca o molla para refrescalo, mentras lupe sae a chamar a nai por teléfono.
Xusto nese momento chega diana coa súa nai. Maca está refrescando a luis, mentras ester lle pide colo e chora. Miguel, ignacio e nestor siguen tocando a flauta, mónica e luisa collen as maracas. Luis chora.

Maca saúda a diana, a nai comenta “que pasou luis?”. Mentras diana saca o abrigo, maca senta a luis na hamaquita para intervir nunha nova disputa entre mónica e ignacio, pola flauta. Lupe regresa á aula, a nai de luis non colleu o tf, chamou á persoa de referencia, que lle di que vai tratar de localizar á nai, pero que non se atopa cerca, polo que tardará un pouco en ir recoller ao neno.  Lupe saúda a diana mentras ésta despídese da nai. Logo as dúas séntanse cerca de luis, e póñense a cantar cancións. O resto pulula por alí ollando todo con moita atención.

Maca conseguiu sustituir os instrumentos polos cacharritos e os 5 implicados interésanse por xogar ás comiditas, collen bonecas e séntanse cerca de lupe, que sigue cantando suavemente. Maca acaba de vestir a felipe e rodrigo, que están algo enfadados por ter que deixar o grifo. Luis quedou durmido.

Toca cambiar de espazo e sair un pouco ao patio. A pesares da mañán tan complicada, tod@s colaboran para recoller a aula, e saen ao patio con ilusión. Alí teñen máis espazo para moverse. Corren, saltan, suben ao tobogán, tod@s disfrutan e as disputas non pasan dun “sal” , “quita” ou “noooooo”. Lupe e maca aproveitan uns segundos para intercambiar información.

Uns minutos antes de voltar para para clase, coincide que chegan xuntos carlos e elena, co pai e a nai respectivamente. Tralos saúdos, carlos entra co pai na clase a deixar o abrigo. Elena acude chorando aos brazos de lupe tras marchar a nai con moita presa. Non quere quitar o abrigo, mentras ester a observa moi de cerca. Carlos despídese do seu pai e corre ao tobogán, exprimindo o tempo mentras lupe vai abrindo a porta da aula, porque sabe que elena se sentirá máis tranquila en clase. Do resto, algúns volven á aula tamén, e outros corretean con resistencia a deixar o patio. Maca corre un pouco, xogando a esconderse, e quenes faltaban por entrar en clase a persiguen con diversión a carcajada limpia.

Xa son 12 nen@s, “poucos”, para ser xa as 11,30. Aínda poden chegar máis.

Na clase, lupe e maca poñen música e todo o grupo baila un pouco. Felipe e rodrigo volven ao grifo, mentras ester e carlos xogan a tirar da cisterna; lupe entra no baño e explica en qué momentos se tira da cisterna, Entra montse pola porta coa súa avoa, traen unhas cunchas moi grandes e todo o mundo se achega a velas. Sentan a escoitar como a avoa fai música con dúas cunchas mentras canta unha canción. Aplauden felices.

Hai 2 ou 3 facendo pises no wc, e un par de nenos con caca no cueiro, maca atende esas tarefas con tranquilidade, fomentando hábitos de autonomía (igual que en moitas outras circunstancias), e adicando ese intre de atención exclusiva que proporciona o momento da hixiene. Son case as 12h cando marcha a avoa de montse, que se despide dela agarimosa e contenta. Miguel volveu ás pinturas, ester ás súas torres, mónica e montse xogan a disfrazarse entre apertas e risas, carlos e rodrigo maquillan a unha boneca, logo a limpan. Felipe únese a miguel e pintan xuntos, diana quítalle o chupete a luis para darlle biquiños, que acaba de espertar.

Lupe vai axudando a poñer os mandilóns para sair a comer. Colaboración, resistencias, pelexas por axudar ou ser axudados. Rodrigo colle unha rabieta porque di que o mandilón que está na súa percha non é o seu; diana repite as palabras de lupe “siiiii, aquí pon ro-dri-go, ves?”. Entra a nai de luis a recollelo. Luis chora. Maca infórmalle de todo o acontecido, adicándolle varios minutos á nai, e desatendendo ao resto. Ten a rodrigo no colo a punto de dormirse. Pero hai que ir a comer.

Maca únese a lupe para recoller a clase, unha vez que luis marcha. Entón lupe vai entrando ao baño para axudar a lavar algunhas mans. Entra pola porta carmen coa súa nai, que fala rápido e ansiosa, a nena chega chorando e comendo un cacho de pan. Non quere baixar do colo da nai. Maca vai saindo ao comedor, mentras lupe trata de axudar á nai de carmen, para que a nena quede na escola co menor disgusto posible. Carmen senta á mesa hipando da angustia, o resto, acostumado a presenciar moitas situacións, come tranquilamente. Entre quen come todo e repite, e quen non proba bocado, hai moitos intermedios. Pero a comida é un rato apacible, no que se intenta falar de todo, menos de si hai que rematar o prato ou non. Colaboran e se axudan a terminar, recollen. Carmen pide colo. Rodrigo quedou durmido enriba do postre.

Volta ao baño. Algarabía para lavar os dentes, quitar os mandilóns e espirse para durmir. Felipe, carlos e ester marchan a durmir a sesta na casa. Voltarán pola tarde.
Cada quen está na súa camita. Sorpresa! Chega sandra, que voltaba de vacacións mañán, pero ao final voltou hoxe. Xoan e fernando están enfermos estes días, e de ana, pablo e bea non se sabe nada. Así son 11 para durmir, e non 17 como é o habitual.

Sandra chora. Non quere quedar na escola, e menos ainda durmir. Estaba de marabilla de vacacións, sempre con papá e mamá a todas horas. Moitos levántanse da cama e corretean polo lugar. Lupe trata de acostalos, mentras maca sae con sandra uns minutos ata que se calme; a nai tiña moita presa, porque a chamaron para que se reincorporara antes ao seu traballo.

Lupe ten ganas de facer pis, pero nestor, a punto de quedarse durmido, aférrase á súa man; coa outra man acaricia o pelo de diana, e ao tempo dalle bicos a miguel. Tararea unha canción para axudar a relaxarse ao resto que non alcanza tocar. Sandra quedou xogando noutra clase, con nen@s doutras aulas que van marchando ou non durmen sesta. Maca regresa ás sestas, colle a unha nena que chora moito no colo, e fai o mesmo que lupe con  outros 2. Pouco a pouco, pode ser un día no que van quedando durmidos. Outros días, non é así.
Lupe vai ao baño, maca por fin ve un momento para cubrir as axendas informativas.

Cando pasan 10-15 minutos dende que se durmiu o último neno, cando todavía non dou tempo nin a respirar, miguel esperta cun pesadelo, chora desconsolado e chama por mamá. Maca saiu ao seu descanso. Lupe o colle e pasea por alí con él no colo, tratando de calmalo. Cos choros espertan diana e ignacio, que tamén medio choran un pouco. Con miguel ainda no colo, lupe séntase e repite a operación anterior, pero diana pide colo tamén…

Pola tarde, sandra terá sono. Pasaralle o mesmo que a rodrigo pola mañán. Pasarán cousas parecidas e outras distintas. Uns voltarán, outros irán marchando. A lupe dóelle a espalda. Tamén lle doe a adicación inxplicablemente amorosa polo seu traballo, mentras o seu fillo de 6 anos pasa tempo lonxe dela, noutro cole, con outras persoas.

Maca pensa en todas as cousas que pasaron ese día. En todos os mimos que non tivo tempo de dar, en todas as iniciativas que tivo que frear, no difícil que é contar que un neno foi mordido, na impotencia de entender as innumerables frustracións polas que pasan cada día centos de crianzas.

Lupe e Maca tamén sonrien pensando nas cousas fermosas que pasaron hoxe. Cousas que pasan tamén todos os días. Lembran conversas divertidas, con novas palabras trabucadas, preguntas curiosas, observacións intelixentes, miles de bicos e risas, xestos de solidariedade entre os propios nen@s, como avanzan no seu desenvolvemento con ese tesón que só temos na infancia. Pensan na grande forza coa que eses pequen@s superan as súas dificultades diarias, mentras non perden o interese por aprender.
As cousas poderían ser distintas. Mellores. Cun sistema económico que repartise a riqueza dun xeito xusto e equitativo, a xente non tería que traballar tantas horas. Non se crearía a necesidade de separar ás familias dos seus fill@s durante longas xornadas. Recuperaríanse outro tipo de relacións educativas…nun tipo de sociedade diferente, non na que estamos contribuindo a formar.

Pero as cousas tamén poderían ser peores. Nesa mesma aula, lupe e maca poderían reprimir moito máis, castigar a cada conflicto, falar a gritos, eliminar a curiosidade, manter a distancia e a rectitude, ignorar as necesidades dos nen@s, evitar o afecto, ordenar a todos facer o mesmo ao mesmo tempo co fin de controlar elas a situación renunciando aos problemas…. Preocuparse só de sí mesmas, adoptando unha postura de total incomprensión e falta de respeto por esas pequenas persoas ao seu cargo.

Lupe e Maca, e milleiros de profesionais no mundo cambiarían moitas das súas condicións de traballo, e non só as económicas. Se souberan como. Soñan espertas como podería ser todo doutra maneira. Menos crianzas a un tempo, máis espazos ao aire libre, menos horas nas escolas…E mentras soñan, confórmanse con poñer un graniño de area. Non lles importa facer mil cousas a un tempo, meterse en tremendas situacións para que dentro desas 4 paredes, os nen@s poidan desenvolverse coa maior autonomía e felicidade posibles. Non se queixan por fregar a clase cen veces ao día, se os nen@s disfrutaron pintando, esparcindo fariña ou experimentando co que sexa. Non reprimen as necesidades de afecto, ainda que se teñan que multiplicar para abrazar a 5 a un tempo, consolar disgustos cada 15min., ou repetir as mesmas retahílas ata a saciedade. Non perden folgos para bailar, cantar e aprender coas crianzas. Non se cansan de dar explicacións para facilitarlle a vida aos nenos e nenas. Loitan con todas as súas forzas cando os ánimos decaen tras algún reproche dalgunha familia. E sobre todo, pase o que pase nas súas vidas privadas, acuden cada día ao seu traballo cun sorriso na boca, dispostas a facelo mellor que o día anterior.

nuria erra vázquez

Anuncios

2 Respuestas a “Defendendo o indefendible. Un sistema que ten que cambiar.

  1. Impresionante!!!!. Moitas gracias Nuria pola túa labor e o teu escrito.
    Estou seguro de que isto vai a cambiar…xa comeza…algo se está movendo dentro….o cambio de conciencia está aqui…dentro de nós…polo tanto fora todo cambiará. Chega o momento de tomar un camiño ou outro…eu tamén elixo o cambio de conciencia, de paradigma…
    Unha aperta e noraboa pola tua grandisima labor. ¡¡¡xuntos podemos!!.

    • Grazas a ti, Jesús. Estou segura de que a túa presenza na miña vida non é “casual”, sei que serás unha persoa fundamental para mín neste novo camiño que escollín. E que todo o que estou aprendendo contigo darame forza para atopar unha alternativa a este sistema, aínda que sexa no pequeno contorno máis próximo… 🙂

comenta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s