Respeto polos sentimentos

Educar as emocións
Nenas e nenos xogando : afecto e agresións

Nun grupo de nen@s xogando no mesmo espazo prodúcense interaccións: comparten xoguetes, disputan por eles, se observan, se imitan, perséguense entre sí, se ignoran, rien, cando poden falan, e moitas veces choran ou protestan con berros.

Dependendo da idade, das súas capacidades e do ambiente no que se relacionen, as crianzas están máis ou menos preparadas para afrontar este tipo de situacións. A inexperiencia e a inmadurez conlevan limitacións en canto á verbalización dos desexos e sentimentos, o que ten como consecuencia que os métodos de defensa ou de expresión se leven a cabo mediante choros, empuxóns, golpes, quitar xoguetes, ou no peor dos casos, morder.
Cada quen ten a súa personalidade e a súa forma de comunicarse nas relacións. Por iso, estas situacións son idóneas non só para que se produzan multitude de conflictos, se non tamén para aprender a solucionalos.

Algo moi importante neste sentido é o feito de traballar as emocións en tódolos contextos posibles, e non só cando xurde un conflicto; deste xeito teñen a oportunidade de prepararse para evitar situacións de risco, ou de ter os recursos necesarios para solucionar un problema.
A intervención das persoas adultas en relación coas crianzas é moi importante. A nosa reacción ante os problemas, a linguaxe que utilicemos, a coherencia entre o que dicimos e o que facemos, e o vínculo afectivo que nos una; son puntos fundamentais á hora de transmitir unhas conductas ou outras.

Debemos ter en conta que ademáis da inmadurez na linguaxe, a estas idades todavía non socializan coma nós entendemos que é socializar. Xogan, exploran e superan obstáculos, pero ainda que estén en grupo, cada quen atende á súa actividade. Pouco a pouco comezan a observar o xogo doutr@s nen@s, ás veces a imitalos, mais a maioría das interaccións limítanse a conseguir un obxecto que ten outra persoa ou a evitar que lle quiten o que ten.
Polo de agora lles é imposible poñerse no lugar doutra persoa, polo que non son conscientes das consecuencias dos seus actos.
Esta empatía ainda por acadar nótase tamén no logro dos seus desexos. O queren todo “agora”, e de momento lles costa agardar, porque iso suporía un coñecemento do tempo, para poder entender que ese “despois” vai chegar e poderá facer ou ter o que quere.
Daquela, as frustracións son contínuas, e a imposibilidade de conseguir o que necesitan ou desexan pode acabar en rabieta.

Nestas circunstancias, a axuda e apoio das persoas adultas é imprescindible. Debemos ter presentes as características propias da súa idade, observar cada caso particular, e dende o vínculo que temos con ese neno ou nena, facilitar no posible que aprenda a xestionar as súas emocións.
Se diariamente verbalizamos o que vai pasando ao noso redor, teremos multitude de ocasións para falar dos estados de ánimo, dos sentimentos de afecto, e das distintas emocións que podemos sentir. Temos que darlle cabida á expresión de tódalas emocións, tanto as chamadas positivas como as negativas; tamén recoñecendo as nosas, pois nun momento dado tódalas persoas experimentamos ledicia, tristura, enfado, medo, etc…

A actitude que amosemos cando lle poñamos palabras ás emocións é moi importante. Hai que chamarlle ás cousas polo seu nome, evitar as burlas e a humillación, desfacernos dos nosos prexuicios sobre o que está ben ou mal sentir ou demostrar; e admitir que @s nen@s non agardarán a facerse maiores para sentir, pois nacen sentindo. Neste sentido frases como “non pasa nada” ou “non chores”,infravalorando a importancia do que sinten;  “por que te portas mal?”, e outras preguntas que non poden responder; así coma “eres mal@”, e similares, só aplican etiquetas negativas que co tempo pódense interiorizar como válidas.

A calma, a comprensión, o respeto e o afecto, deben sustituir á impaciencia, ao autoritarismo e ás mentiras. Así poderemos abrirnos ao seu mundo, intentando ver as cousas dende o seu punto de vista. Nós sí que podemos facelo.

E cando xurda un conflicto, algo que sucederá a miudo, debemos evitar pronunciar constantemente o “NON”, salvo en caso de risco para a súa seguridade. Doutro xeito perde efectividade, ademáis de que pode asustar e non ofrece alternativas. “Mellor o facemos así”, ou preguntar para ter máis información do asunto, facilita que sintan que poden intervir e aprender a controlar a situación.

Cando non podemos evitar as pelexas ou agresións, debemos ter en conta que a persoa que agrede merece o mesmo afecto pola nosa parte que á agredida. Ás veces incluso máis, pois necesita que alguén lle poña palabras aos seus sentimentos e actos, lle axude a canalizalos, e lle transmita aceptación e afecto. Isto non ten nada que ver cun “premio” por agredir, se non que dende a comprensión e o respeto se lle ofrece unha explicación sinxela da situación e tras o disgusto, lle damos alternativas á agresión. Este é o ambiente que deben percibir, o número de veces que faga falta, pois co tempo irán asimilando a mensaxe. Xa que en realidade, coa súa conducta, están avisando de que sinten frustración ou algunha inquedanza, que reflexan no seu modo de actuar.

A persoa agredida ten dereito a ser consolada e a canalizar os desexos de devolver a agresión, evitando así arranxar a violencia con máis violencia. Os recursos para defenderse precisan durante algún tempo da nosa intervención, mentras ensaian a pedirse as cousas e a defenderse verbalmente das agresións.

Creo que tampouco debemos obrigar a que as 2 partes do conflicto se den bicos tras un problema. Aparte de non ser o momento, cada acto violento non se soluciona dando cariño despois (peligrosa asociación nun futuro), senón aprendendo a non utilizar a violencia como recurso. Dar bicos é algo voluntario, e se a maioría do tempo nos tratamos con agarimo e respeto, as mostras de afecto continuarán a pesar dos problemas.

Tamén é importante deixar claro coa nosa actitude que se rexeita o modo de actuar, e non á persoa. Os castigos e as discriminacións, lonxe de servir coma exemplo, provocan frustración e só empeorarán as causas dos conflictos.

As crianzas deben vivir nun ambiente afectivo, onde con tranquilidade e respeto, demos as explicacións necesarias, escoitemos as súas opinións, observemos con atención a súa forma de relacionarse e xogar, ofrezamos opcións para que elixan, non impoñamos os nosos desexos e necesidades por enriba das súas, evitemos as ameazas e os gritos, e amosemos amor e comprensión.
Ás veces, o estrés e a rixidez das vidas adultas resta perspectiva á hora de convivir coas crianzas. Nos equivocamos coas prioridades e nos costa ser flexibles ata o punto de non ser capaces de disfrutar do mundo d@s pequen@s dende o seu punto de vista.
Utilízanse recursos a base de premios e castigos, coaccións que desembocan nunha loita de poder, transmitindo a mensaxe de que hai que facer ou non facer para non perder o amor doutra persoa, sen ningún outro contido de valor.

En ocasións, empeñámonos en que as cousas transcurran dun xeito cuadriculado, cando no fondo, se o pensamos, non pasa nada por “perder” uns minutos en deixar que as crianzas sexan partícipes da organización e modo de vida que as rodea.

Se normalmente permitimos que el@s opinen (chorar ou negarse a algo tamén é opinar, ainda que non falen), e consensuamos as decisións que haxa que tomar; poderán entender que de cando en vez algo non poida ser pola razón que lle expliquemos. E de seguro que atopamos algunha alternativa que deixe content@s a tod@s.

nuria erra vázquez

Anuncios

comenta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s